O vindeiro sábado día 27 de maio ás 10:30 h terá lugar na confraría de pescadores «San Roque» de Portonovo a presentación da aplicación da plataforma pescadoartesanal.com, deseñada polo GALP Ría de Pontevedra para que se poidan subir á web as capturas diarias procedentes da pesca artesanal dunha maneira rápida e sinxela.

O proxecto «pescadoartesanal.com» levado a cabo polas confrarías da Ría de Pontevedra en colaboración co GALP Ría de Pontevedra, ten como obxectivo a mellora da comercialización dos produtos pesqueiros e marisqueiros a través do uso das novas tecnoloxías, permitindo a comercializadores de toda España contar nos seus establecementos con produto de gran calidade procedente da Ría. Ata agora pescadoartesanal.com tan só daba acceso mediante o uso de navegadores web (tanto desde computadores, como tablets e móbiles) pero recentemente púxose ao alcance dos comercializadores e armadores unha aplicación que facilita o uso da plataforma e a visualización do produto dispoñible en cada lonxa.

A aplicación está destinada a armadores e comercializadores, contando con distintas opcións e aparencia segundo o perfil do usuario. Se o usuario que accede (mediante un usuario e contrasinal proporcionado pola confraría) é un armador, a aplicación permitiralle poñer a disposición dos comercializadores o produto co que conta para a súa venda en lonxa. Se o usuario que accede é un comercializador, a aplicación permitiralle ver o produto dispoñible para a poxa das distintas lonxas da Ría de Pontevedra e realizar unha poxa (solicitude de compra) a través de internet, permitindo a participación en poxa de maneira remota. Neste sentido, para promocionar a plataforma e o seu uso, realizaranse en cada unha das lonxas da Ría de Pontevedra reunións de presentación da aplicación entre os armadores.

O obxectivo das devanditas reunións é a promoción do proxecto «pescadoartesanal.com» e das vantaxes que este outorga o seu uso a confrarías, armadores e comercializadores tales como: diferenciación do produto (do mesmo xeito que na etiquetaxe de produtos en lonxa, a plataforma informa o comercializador tanto da cantidade, calidade e especie como da embarcación da cal procede), promoción do produto das lonxas da Ría de Pontevedra e mellora da comercialización (unha das principais vantaxes da plataforma é ofrecer a posibilidade a comercializadores de todo o territorio nacional a posibilidade de participar na poxa de maneira remota a través de internet e contar con produto galego de calidade nos seus establecementos (restaurantes, pescaderías, transformadores, etc.)).

Dende o GALP Ría de Pontevedra anímase a todo o sector pesqueiro a participar nas presentacións da aplicación e a informarse sobre o uso de «pescadoartesanal.com» e os seus beneficios.