Co mes de maio ás nosas lonxas e mercados empeza a chegar a tan esperada sardiña (Sardina pilchardus). A pesar de que esta tempada conta coa cota máis baixa da súa historia, debido á sobreexplotación da especie, durante o mes de maio os cerqueiros terán un tope de 1.000 quilos por barco á semana e que para os meses de xuño e xullo ampliarase ata 6.000 (topes establecidos no Boletín Oficial do Estado (BOE)). Este plan de explotación da sardiña foi creado de maneira conxunta con Portugal, tendo ambas as frotas un límite de 14.600 toneladas anuais.

Transcorrida as primeiras semanas da captura da sardiña, tan só vendéronse 15.700 Kg dado que os barcos do cerco decidiron evitar a súa captura ante o baixo prezo que está a alcanzar en lonxa (de cumprir cos topes, a frota debería desembarcar polo menos 150 toneladas). No caso de Portugal, estes decidiron alongar 20 días mais a veda para asegurar a captura da especie durante os meses de xuño e xullo asegurando ademais unha maior «calidade».

A sardiña, tamén coñecida como xouba (nas Rías Baixas) ou parrocha (nas Rías Altas), captúrase con artes de cerco, de enmalle ou de deriva (como o xeito), durante a noite, e destínase a consumo en fresco, afumada, salgada ou en conserva. A riqueza deste peixe azul en Omega3, vitaminas A, D, B, B2, potasio, calcio, magnesio, ferro, fósforo e xofre convérteno nun alimento de gran importancia nutricional.