Tras 2 meses de veda, comeza unha nova campaña do polbo na que volveremos ver a este apreciado cefalópodo en lonxas e prazas de abastos.
O luns 2 de xullo, as 167 embarcacións autorizadas para a captura de polbo na nosa ría, sairán a faenar esperando poder capturar unha gran cantidade do tan apreciado e desexado cefalópodo, e é que é nestes meses de verán cando o sector pesqueiro experimenta unha maior demanda.
Ata o 31 de agosto, o plan de explotación do polbo establece unha cota máxima de 30 Kg por barco e día xunto a 30 Kg diarios máis por cada tripulante enrolado a bordo, ata un máximo de 210 Kg por día. Con todo, a partir do 1 de setembro, a cota máxima será de 50 Kg por barco e día xunto a 50 Kg máis por cada tripulante enrolado a bordo, ata un máximo de 350 Kg diarios.
En canto á campaña extractiva da nécora e do bogavante esta comeza o luns 2 de xullo e permanecerá aberta ata o próximo 31 de decembro. A extracción da nécora e o camarón está regulada pola RESOLUCIÓN do 9 de xuño de 2017 pola que se aproba o plan experimental para a xestión da nécora e do camarón coa arte de nasa de nécora e camarón 2017-2019, a cal establece un máximo de nasas en función da tipoloxía da embarcación. O número de nasas permitidas vai desde as 225 para as embarcacións de tipo I e II, ata un máximo de 550 para as embarcacións de tipo VI e VII.
A partir do luns poderemos observar unha gran actividade nas nosas lonxas abrigo na lonxa de Bueu, gran coñecida pola súa importante venda de polbo.