Co comezo do verán os días son máis longos, comeza a calor e nas prazas de abastos podemos gozar unha gran variedade de peixe azul, o cal se atopa na súa mellor época de consumo. Pero, por que o peixe azul está de tempada? No verán prodúcese unha maior cantidade de nutrientes (debido aos fenómenos de  afloramiento) que poñen ao dispor do peixe azul unha gran cantidade de plancto polo que ao alimentarse máis acumulan máis graxa e por tanto o seu sabor é mellor durante os meses de xuño a agosto.

Se hai un peixe azul estrela nestas datas ese é a sardiña (Sardina  pilchardus), que na Ría de Pontevedra é capturada polas embarcacións artesanais mediante diferentes artes como o cerco, o xeito ou as redes de enmalle.

A sardiña posúe corpo, que pode chegar a medir 25 cm, é alongado, non moi comprimido de cor  azulado con reflexos  verdosos e prateados no ventre. A boca, que non se estende máis aló da parte media do ollo, ten uns dentes moi pequenos ou nulos. En canto ás súas aletas, a aleta dorsal orixínase máis preto do rostro que da base da caudal e as  pelvianas atópanse inseridas en posición abdominal (no medio da zona  ventral, baixo a dorsal). No  opérculo ten unhas estrías radiadas.

Vive en augas superficiais, formando grandes bancos que se aproximan á costa a finais de primavera e do verán. Coa chegada do inverno e as augas frías, afástase e afunde ata o 150 m.

En canto á súa reprodución, alcanzan a madurez sexual tras o primeiro ano de vida (13cm). Cada femia pode chegar a poñer entre 50.000 e 60.000 ovos, os cales permanecen formando parte do plancto unha ou dúas semanas (dependendo da temperatura). Unha vez  eclosionan, as larvas permanecen entre o plancto un período máis longo de tempo. Paulatinamente van abandonando a vida  planctónica para pasar a hábitos  nectónicos, neste caso tamén  peláxicos.

Tras a apertura da campaña, nos meses de primavera e verán, podemos atopar este prezado peixe azul nas prazas de abastos da Ría de Pontevedra, capturado pola frota artesanal con artes como o cerco e o  xeito.