En Pescado Artesanal queremos informar ao consumidor sobre o produto artesanal das nosas rías, especialmente da Ría de Pontevedra, polo que estamos a levar a cabo unha iniciativa que consiste na realización de charlas e visitas guiadas a prazas de abastos e lonxas. A través destas actividades queremos poñer en valor o produto pesqueiro artesanal, e darlle as ferramentas necesarias aos consumidores para que coas súas compras fomenten o consumo de peixe fresco das nosas augas.
Durante este mes de xullo a Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación puido gozar dunha visita guiada polo porto, a lonxa e a praza de abastos de Bueu. A través desta actividade a asociación puido ver as distintas tipoloxías de embarcación, as artes de pesca artesanais utilizadas, o sistema de primeira venda, aprender sobre a trazabilidade, os índices de frescura e as distintas especies capturadas e comercializadas na Ría de Pontevedra.
Ademais, o pasado martes 23 de xullo realizamos unha visita guiada á praza de abastos de Bueu coa asociación parkinson da provincia de Pontevedra ensinando aos participantes a etiquetaxe e a trazabilidade do produto pesqueiro, os índices de frescura e as distintas especies que atopamos nas pescantinas da praza de abastos.
Se formas parte dunha asociación de veciños, consumidores, etc. e queres aprender máis sobre o produto pesqueiro da Ría de Pontevedra visitando lonxas e prazas de abastos, tan só tes que poñerche en contacto connosco no 604 022 612 ou a través do noso correo electrónico elpescadoartesanal@gmail.com