Durante esta época do ano, aínda que se pesca todo o ano, é habitual atopar na praza de abastos e na lonxa de Bueu con este peixe azul tan pouco valorado, o alcrique. O alcrique ( Scomberesox saurus) é un peixe azul de corpo alongado, coas mandíbulas longas e finas e dentes pequenos. En Scomberesox saurus tanto a aleta dorsal como a anal atópanse situadas na parte posterior do corpo, e detrás presenta de 5 a 7 pínnulas (pequenas espiñas). A aleta caudal ten forma ahorquillada, con lóbulos de tamaño desigual. A coloración dorsal é azulada, coa zona ventral con brillo prateado.
É moi similar á agulla pero co corpo máis comprimido, mandíbulas máis pequenas, de menor tamaño e sen as espiñas verdes.Unha maneira sinxela de distinguirlo da agulla é polas pínnulas que presenta.
Para poder ser pescado e comercializado, o alcrique ten que ter unha talla mínima de 18cm, podendo chegar a medir os machos ata 50 cm.
En mar aberto o alcrique forma cardúmenes de certa importancia polo que se pesca con artes de cerco, especialmente cando se achega á costa a finais do verán e comezos do outono. Así mesmo, captúrase como especie accidental nos barcos dedicados á sardiña.
A pesar de ser unha especie de pouco valor, o certo é que é un peixe delicioso co que se pode facer distintas preparacións como escabeches, frituras ou guisos. Se vos animades a probalo, na praza de abastos de Bueu podedes atopar varias pescantinas que teñen á venda alcrique fresco capturado pola frota artesanal de Bueu.