• A Praza de Abastos acollerá o taller, centrado nos produtos mariñeiros da ría, entre os meses de abril e maio

O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Ría de Pontevedra lanza a segunda edición dos Obradoiro de nutrición e cociña con produtos do mar, unha iniciativa que busca promover hábitos de consumo responsables e poñer en valor os recursos mariños de proximidade.

A primeira parada desta edición será en Pontevedra. As sesións, de carácter gratuíto e abertas ao público, celebraranse os días 23 e 29 de abril e 6 e 13 de maio, na Praza de Abastos (primeiro andar), en horario de 16:30 a 18:30 horas. O aforo é limitado, polo que é necesario inscribirse previamente a través do formulario habilitado.

O taller combinará unha parte teórica, centrada na planificación dunha dieta equilibrada, a selección e conservación de alimentos ou o valor nutricional do peixe e do marisco, cunha parte práctica na que as persoas participantes elaborarán receitas con produtos da ría, fomentando así unha aprendizaxe participativa e aplicable ao día a día.

A actividade conta coa colaboración do Concello de Pontevedra e enmárcase na Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) do GALP, aliñada cos obxectivos do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA).

Con esta iniciativa, o GALP Ría de Pontevedra reforza o seu compromiso coa dinamización do territorio, a educación alimentaria e o fortalecemento do vínculo entre a cidadanía e o sector do mar.