O produto
O pescado artesanal caracterizase pola súa calidade e frescura. Na rede comercial pódese atopar pescado e marisco galego amparado baixo a Marca “PescadeRías, de onde se non?”, que certifica o pescado e marisco do día, pescado e desembarcado en Galicia.
A orixe da marca parte da Consellería do Mar da Xunta de Galicia no ano 2008 co fin de “diferenciar” os produtos do mar procedentes da pesca artesanal dentro da variada oferta que presenta un mercado cada vez máis globalizado e cunha ampla variedade de produtos, moitos procedentes doutros lugares do mundo. Así, os produtos pesqueiros, ao levar este distintivo, poden ser diferenciados con facilidade polos consumidores no mercado.
Os produtos etiquetados coa marca “PescadeRías” serve ao sector pesqueiro para garantir a frescura e calidade do seu produto, o respecto ao medio ambiente e promocionar o seu bo facer no traballo, que é o mellor aval para a continuidade e o futuro da súa actividade. Ademais, garante a aplicación dunhas prácticas hixiénicas e de manipulación adecuadas por parte das empresas que poñen o produto no mercado a disposición do consumidor.
“PescadeRias” garante que todos os produtos etiquetados proceden do marisqueo ou da pesca de baixura que se desembarca diariamente nos portos de Galicia. Todos eles teñen, por tanto, menos de 24 horas fora do mar no intre da súa primeira venda. Ademais, os métodos extractivos empregados son respectuosos co medio ambiente co fin de conseguir una pesca sostible pensando nas xeracións futuras.
Se o que mercas está certificado “PescadeRías” podes coñecer a súa trazabilidade aquí: https://deondesenon.xunta.gal/gl/consultatraza