Proxectos: Quen pode presentar un proxecto para a súa financiación

Poden ser persoas beneficiarias das axudas ao abeiro do FEMPA, as seguintes:

  • PEQUENAS E MEDIANAS EMPRESAS (PEME), con personalidade xurídica, que cumpran os seguintes requisitos:
  • Teñan domicilio fiscal e social na Comunidade Autónoma de Galicia.
  • Desenvolvan o proxecto no ámbito de aplicación da EDLP do GALP-RP, a excepción dos municipios densamente poboados, é dicir, que desenvolvan o proxecto dentro do ámbito territorial que abarca os concellos de Bueu, Marín, Poio, Sanxenxo e Meaño.
  • O proxecto se adecúa ao obxecto social que se recolle nos seus estatutos rexistrados.

No caso do municipio de Pontevedra, poderán ser beneficiaras as PEMES que:

  • Teñan domicilio fiscal e social no municipio de Pontevedra.
  • No obxecto social que se recolle nos seus estatutos rexistrados figuran actividades propias do sector pesqueiro. De non ser así, e desenvolver actividades noutros sectores, deben acreditar que a maior parte da súa facturación no ano anterior á convocatoria, provén do sector pesqueiro.
  • PERSOAS FÍSICAS, TRABALLADORAS AUTÓNOMAS, que cumpran os seguintes requisitos:
  • Teñan domicilio fiscal e social na Comunidade Autónoma de Galicia.
  • Desenvolvan o proxecto no ámbito de aplicación da EDLP do GALP-RP, a excepción dos municipios densamente poboados, é dicir, que desenvolvan o proxecto dentro do ámbito territorial que abarca os concellos de Bueu, Marín, Poio, Sanxenxo e Meaño.

No caso do municipio de Pontevedra, poderán ser beneficiaras:

  • As persoas traballadoras autónomas integrantes do sector pesqueiro.
  • Os familiares do sector pesqueiro; persoas físicas, que teñan a condición de autónomas, ata segundo grao de consanguinidade ou afinidade cun familiar, vivo ou falecido no ano inmediato anterior á data de solicitude, que sexa ou fose unha persoa pescadora, mariscadora, acuicultora ou persoa traballadora en activo relacionada coa actividade pesqueira ou que traballase neste sector de forma manifesta.
  • ENTIDADES SEN ÁNIMO DE LUCRO, persoas xurídicas, que cumpran os seguintes requisitos:
  • Teñan domicilio fiscal e social na Comunidade Autónoma de Galicia.
  • Desenvolvan o proxecto no ámbito de aplicación da EDLP do GALP-RP, a excepción dos municipios densamente poboados, é dicir, que desenvolvan o proxecto dentro do ámbito territorial que abarca os concellos de Bueu, Marín, Poio, Sanxenxo e Meaño.

Considéranse nesta tipoloxía:

  • Confrarías de pescadores e as súas federacións.
  • Asociacións profesionais do sector pesqueiro e as súas federacións.
  • Entidades sen ánimo de lucro integradas só por confrarías de pescadores e/ou asociacións do sector pesqueiro.
  • Asociacións declaradas de utilidade pública.
  • Entidades sen ánimo de lucro cos seguintes obxectivos nos seus estatutos:
    • Fomentar as actividades náuticas.
    • Promocionar os produtos pesqueiros do territorio.
    • Fomentar o medio ambiente mariño e costeiro.
    • Promover o patrimonio cultural marítimo pesqueiro.
  • Entidades públicas locais.

No caso do municipio de Pontevedra, soamente poderán ser beneficiaras:

  • As entidades sen ánimo de lucro do sector pesqueiro, persoas xurídicas, con domicilio fiscal e social no municipio de Pontevedra, e que no obxecto social que se recolle nos seus estatutos rexistrados figuren actividades propias do sector pesqueiro.
  • As entidades públicas locais, con domicilio fiscal e social no municipio de Pontevedra, que desenvolvan proxectos dirixidos especificamente á poboación integrante do sector pesqueiro ou proxectos que presenten beneficios para o resto do territorio da zona pesqueira.

Ademais, hai que ter en conta, o seguinte, para todos os casos mencionados:

  • Se os proxectos supoñen a realización dunha actividade económica, só poderán ser beneficiarios as PEMES, segundo a definición do Anexo I do Regulamento (UE) 651/2014, da Comisión, do 17 de xuño.

Segundo isto, poden ser beneficiarios as entidades, independentemente da súa forma xurídica, que exerzan unha actividade económica, sexan persoa física (persoa traballadora autónoma) ou persoa xurídica (entidade/empresa).

En particular, considéranse as entidades que exerzan unha actividade artesanal ou outras actividades a título individual ou familiar, así como as sociedades de persoas e as asociacións que exerzan unha actividade económica de forma regular.

Quedan excluídas as entidades de carácter local.

  • Para ser elixibles, os beneficiarios das axudas teñen que dispor de capacidade administrativa, financeira e operativa.

En caso de operacións que impliquen investimentos en infraestruturas ou investimentos produtivos, deben dispor de recursos e mecanismos financeiros necesarios para cubrir os costes de funcionamento e mantemento das operacións, para garantir a súa sustentabilidade financeira.

Os beneficiarios das axudas tamén poden concorrer conxuntamente. Neste caso, poden ser beneficiarios conxuntos, os seguintes:

  1. Agrupación de PEMES, con personalidade xurídica, e/ou de persoas traballadoras autónomas con domicilio fiscal e social na Comunidade Autónoma de Galicia.
  2. Agrupación de entidades, persoas xurídicas, sen ánimo de lucro.

Para concorrer conxuntamente é necesario:

  • Facer constar na solicitude, expresamente, cales son os compromisos que corresponden a cada implicado na execución das accións, así como o importe da axuda solicitado por cada un dos posibles beneficiarios.
  • Nomear un representante ou apoderado único da agrupación, debendo corresponder a unha das partes implicadas, con poderes bastantes para cumprir os deberes que, como beneficiario das axudas, corresponde á agrupación.
  • Ratificar os compromisos de participación conxunta e o nomeamento de apoderado, mediante documento outorgado ante á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería do Mar, unha vez notificada a concesión da axuda.

As obrigas dos beneficiarios conxuntos son:

  • Se a agrupación incumpre, serán responsables todos os beneficiarios integrados nela, en relación coas actividades que se comprometesen a realizar, ou solidariamente, cando no fose posible determinar o alcance dos deberes correspondentes a cada un deles.
  • A agrupación non poderá disolverse ata que transcorra o prazo mínimo de catro anos de prescrición segundo o previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.