Proxectos
O GALP-RP conta con 4.487.591,60 € do FEMPA para destinar ao financiamento de proxectos que contribúan ao desenvolvemento da zona costeira da ría de Pontevedra durante o período 2023-2027, sempre que sexan coherentes coa súa EDLP e cumpran cos seus obxectivos.
De xeito sintético, os proxectos, para poder ser subvencionados, deberán enmarcarse nalgunha das seguintes liñas estratéxicas de acción:
- Mellora da competitividade e posta en valor da actividade pesqueira, marisqueira e acuícola.
- Promoción da innovación no sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola.
- Impulso do emprendemento e o emprego e, en particular, das mulleres, da xuventude e das persoas en risco de exclusión.
- Apoio ás entidades representativas do sector pesqueiro como axentes da gobernanza.
- Fomento da economía azul.
- Contribución ao desenvolvemento dun turismo vinculado ao medio mariño, sostible, inclusivo e desestacionalizado.
- Impulso das iniciativas de economía circular e cohesión territorial.
- Promoción do patrimonio medioambiental.
- Conservación e posta en valor dos recursos pesqueiros e do medio natural da ría de Pontevedra.
- Concienciación da problemática do cambio climático e deseño de accións destinadas á adaptación e mitigación dos seus efectos.
- Fomento do patrimonio cultural e do benestar social.
- Recoñecemento do patrimonio cultural marítimo-pesqueiro como sinal de identidade da ría de Pontevedra.
- Fomento dunha zona costeira mais accesible e inclusiva.
- Reforzo do papel das comunidades pesqueiras no desenvolvemento local.
- Promoción de accións conxuntas e colaboracións co obxectivo de acadar o desenvolvemento sostible da zona costeira.
- Fortalecemento da cooperación.
- Fomento da cooperación interterritorial e transnacional para unha xestión sostible do océano e o seu litoral.
Ademais de contribuír aos obxectivos da EDLP 2023-2027 do GALP-RP, sendo coherentes coa mesma e apoiar así o logro da prioridade 3 do FEMPA, os proxectos que se presenten ás convocatorias de axuda abertas deben cumprir unha serie de REQUISITOS XERAIS:
- Estar localizados no territorio de influencia da ría de Pontevedra, isto é, desenvolverse nalgún ou en varios dos municipios que forman parte do GALP-RP: Bueu, Marín, Pontevedra, Poio, Sanxenxo e Meaño.
- Ser viables técnica, financeira e economicamente.
- Cumprir coa normativa que lle sexa de aplicación e axustarse á normativa sectorial (comunitaria, estatal e autonómica) que resulte de aplicación para cada tipo de proxecto. En particular, aplicarase a lexislación en materia de accesibilidade para persoas con discapacidade e en materia medioambiental, cando corresponda polo obxecto das operacións.
- Non estar iniciados na data de presentación da solicitude de axuda.
- En proxectos para investimentos que supoñan unha actividade económica e que se amparen no Regulamento (UE) 1407/2013, da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado ás axudas de minimis, esixirase a creación, como mínimo, dun posto de traballo a tempo completo (1 UTA).
Para investimentos materiais, os proxectos deben cumprir tamén unha serie de requisitos en materia ambiental:
- Se os investimentos materiais se atopan fora de solos urbanos ou urbanizables ordenados ou sectorizados, deben estar xeorreferenciados, é dicir, deben indicar as coordenadas xeográficas de ocupación de solo. Si son investimentos materiais móbiles, deben indicar o seu rango xeográfico de mobilidade (non aplica a investimentos de dotación ou mellora de equipos en embarcacións ou vehículos).
- Se o proxecto consiste en: (i) a execución, explotación, desmantelamento ou demolición dunha obra, unha construción ou instalación, ou (ii) calquera intervención no medio natural ou na paisaxe, incluídas as destinadas á explotación ou ao aproveitamento dos recursos naturais ou do solo e do subsolo, así como das augas continentais ou mariñas, e está incluído nalgún dos supostos de avaliación de impacto ambiental (artigo 7 da Lei 21/2023, de 9 de decembro, de avaliación ambiental), debe dispor da declaración de impacto ambiental (DIA) favorable ou do informe de impacto ambiental favorable, segundo lle corresponda.
- Se o proxecto inclúe actuacións dentro do ámbito de aplicación do Real Decreto 79/2019, de 22 de febreiro (artigo 3), que requiran, ben a execución de obras ou instalacións nas augas mariñas, seu leito ou seu subsolo, ben a colocación ou depósito de materiais sobre o fondo mariño, así como os vertidos, deben dispor dun informe de compatibilidade.
Se o proxecto está sometido a avaliación de impacto ambiental, a súa acreditación favorable será suficiente para considerar xustificado este requisito.
- Se as operacións materiais supoñen interaccións en espazos Rede Natura 2000, áreas mariñas protexidas ou outros espazos naturais protexidos, estas deben axustarse á normativa medioambiental vixente.
- Se as actuacións supoñen modificacións hidromorfolóxicas das masas de auga, deben cumprir o disposto no Real Decreto 907/2007, de 6 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Planificación Hidrolóxica.
- Se os investimentos crean ou amplían instalacións, deben cumprir os requisitos establecidos nos procedementos de autorización en materia de recollida e xestión de desfeitos orgánicos xerados.
- Se o proxecto é de construción, debe ser compatible coas normas e directrices dos espazos naturais, a paisaxe e o patrimonio cultural que sexan de aplicación.
- Se as actuacións son de conservación, divulgación ou posta en valor de elementos do patrimonio cultural, deben cumprir o disposto na normativa en materia de patrimonio.
- Se as actuacións son sobre o dominio público hidráulico, dominio público marítimo terrestre, as súas zonas de servidume e/ou de policía, montes de utilidade pública ou vías pecuarias, deben dispor da preceptiva autorización ou concesión do organismo competente.
- Se os proxectos requiren a realización de obra, un mínimo do 70% (en peso) dos residuos de construción e demolición non perigosos xerados (excluíndo o material natural), deben prepararse para a súa reutilización, reciclaxe ou recuperación.