A muller e o mar
Ao comezo do noso labor, o GALP Ría de Pontevedra realizou un vídeo-estudo sobre a situación da muller no sector pesqueiro e marisqueiro na Ría de Pontevedra. Xa choveu dende entón, mais o traballo realizado segue a ter un interesante valor documental.
“A Muller e o Mar” foi realizado no ano 2011 polo GALP Ría de Pontevedra, cofinanciado polo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, a Consellería de Medio Rural e Mar da Xunta de Galicia e polo Fondo Europeo da Pesca (FEP) da Unión Europea.
A Rede Española de Mulleres no sector Pesqueiro (REMP), promovida polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), a través da Secretaría Xeral de Pesca, ten o obxectivo de impulsar o papel da muller no sector pesqueiro, así como o asociacionismo, a comunicación e o intercambio de iniciativas e mellores prácticas entre as mulleres que traballan ou desexan traballar no ámbito da pesca, en calquera das súas áreas.
A REMP traballa por aportar visibilidade e reforzo do labor que realizan tanto os diferentes colectivos de mulleres do sector como as organizacións dedicadas a promover a igualdade de oportunidades neste ámbito de actividade.
Realizáronse dous vídeos:
1) A versión longa introduce, en base a entrevistas a mulleres do sector pesqueiro (mariscadoras, redeiras, pescadoras, etc.), cal foi a evolución da muller no sector e como se atopa na actualidade. Repasa de voz das protagonistas a evolución das mulleres nos diferentes traballos levados a cabo na Ría de Pontevedra, tratando temas relativos á conciliación familiar, as melloras organizativas, aspectos laborais, importancia da formación, etc.
2) A versión curta resume os principais resultados do estudo de campo en base ás entrevistas realizadas ás mulleres traballadoras do mar e a expertos vinculados ás diferentes actividades.