A pesca artesanal

A pesca artesanal é unha actividade exercida por preto dun milleiro de profesionais na Ría de Pontevedra. A súa presenza nos portos e vilas costeiras imprime un carácter e cultura propios e contribúe ao mantemento da súa poboación e á dinamización económica.

Adoitase definir a pesca artesanal como “a pesca exercida por embarcacións de menos de 12 metros – nesta talla hai moita controversia – , con pescado do día e de proximidade á costa (dentro das 10 millas)”. Para moitas organizacións, a Pesca Artesanal debe ser una actividade vinculada ao respecto polo medio mariño, enraizada nunha xestión de pequena escala, con raigame local e non directamente vinculada ao tamaño da embarcación. En calquera caso, a flota de baixura da Ría de Pontevedra cumpre cos requisitos básicos para ser considerada artesanal.

O marisqueo a pé tamén se considera pesca artesanal nos areais e rochedos da costa, por exemplo, na extracción de ameixas ou de percebe.

Queremos presentarche algunhas das persoas que mellor che poden recomendar o produto do mar.

 

A pesca artesanal utiliza para as súas capturas un gran número de artes, aparellos, útiles, equipos e técnicas para exercer a actividade extractiva dos produtos do mar, todas elas reguladas polo Decreto de Artes de Galicia (inserir vínculo).

De xeito xeral, as artes de pesca utilizadas na pesca artesanal pódense clasificar nos seguintes tipos:

  • Nasas: trampas usadas para a captura de polbo, nécora, camarón, centola, choco, faneca e congro.
  • Enmalles: comprende as artes destinadas a capturas de peixes e da centola. Dentro deste tipo están os miños, betas, trasmallos, raeiras, etc., que se diferencian polo número de panos, a luz da malla, a lonxitude dos panos, etc.
  • Anzois: comprende tipos de artes como a liña, palangrillo, palangre, etc., que usan un anzol para a captura de peixes.
  • Marisqueo: engloba diferentes instrumentos como a fisga, rasqueta, fouciño, salabardo, etc., para a captura de moluscos bivalvos, percebes e ourizos, tanto a pé como desde embarcación.
  • Artes de cerco: utilizadas para a captura de peixes como por exemplo a sardiña, o xurelo ou a xarda.
  • Elementos auxiliares de pesca: non son artes de pesca como tales, pero axudan nas labores de extracción. Son o bicheiro, trueiro, mirafondos, etc.