Seguimos coa nosa serie “Especies da Ría de Pontevedra” na que, nesta ocasión, imos falar da faneca ( Trisopterus luscus) un peixe branco que podemos atopar en lonxas como a de Bueu ou Portonovo e nas distintas prazas de abastos da Ría de Pontevedra.
Trisopterus luscus é un peixe óseo de corpo alto, alongado e de pequeno tamaño (normalmente non superan os 30 centímetros). Posúe unha coloración parda amarelada cun ventre de cor gris escuro que pasa a amarelo cobrizo cara á liña lateral. O lombo da faneca presenta tres aletas dorsais, sendo a primeira a máis pequena e a segunda a máis alongada. Na zona anal conta con dúas aletas alongadas, e o seu corpo culmina nunha aleta caudal en forma de triángulo isósceles cun borde case recto. As aletas son máis ben escuras, presenando unha mancha negra na base da aleta pectoral.
Presenta uns ollos grandes, fortes dentes e unha mandíbula superior que excede lixeiramente a inferior, a cal ten un barbillón de igual lonxitude ao diámetro da órbita do ollo.
En canto ao seu hábitat, a facena ( Trisopterus luscus) é un peixe gregario que frecuenta os fondos mariños das rexións costeiras (desde o norte de Noruega ata Marrocos), sobre todo en fondos rochosos, preto da plataforma continental entre os 30 e os 100 metros de profundidade, aínda que se avistaron en rangos de ata os 300 metros. Os alevíns viven sobre leitos arenosos pouco profundos, mentres que os adultos poden localizarse en leitos máis profundos de lodo, area ou roca.
A faneca é un peixe carnívoro, que alimentase de poliquetos, pequenos moluscos e crustáceos que percorren os fondos mariños, aínda que no caso dos adultos tamén se alimentan de pequenos peixes e cefalópodos.
Do mesmo xeito que a maioría dos peixes, posúe unha reprodución ovípara e fecundación externa, que ten lugar durante os meses de marzo e abril a profundidades de 50 a 70 metros, alcanzando a madurez sexual tras un ano de vida.
Nas nosas costas, a frota artesanal utiliza redes de enmalle e palangrillo para a súa captura, aínda que tamén poden usarse nasas fanequeiras.