Esta semana, o sector do marisqueo a pé da Ría de Pontevedra volveu a traballar nos bancos marisqueiros ao remitir o período de toxina mariña que mantivo pechado o marisqueo a pé na Ría desde mediados de xullo.
A pesar de que a Zona V, situada no interior da Ría, permanecía pechada ao marisqueo a pé debido ao período de marea tóxica, o sector do marisqueo á boia se podía traballar na Zona IV (entre Tambo e Vos Praceres) polo que a lonxa de Campelo puido manter a súa actividade.
Pero, que é unha marea vermella? Por que non se pode extraer bivalvos?
A marea vermella é o resultado do ciclo natural do fitoplancto, que son os microorganismos dos que se alimentan os moluscos. Cando se dan certas condicións hidrodinámicas, de temperatura, luz e nutrientes créase un gran creciemiento (“ bloom”) de fitoplacton polo que as microalgas que forman parte del poden producir substancias tóxicas. Os moluscos, ao alimentarse do fitoplancto acumulan no seu organismo esas substancias toxicas que, a pesar de que non teñen ningunha consecuencia para os bivalvos, pódennos causar grandes problemas de saúde.
Cando o molusco contén toxina no seu interior, este non pode ser extraído xa que se debe deixar que o organismo a depure de forma natural eliminandola aos poucos. Se extraemos o bivalvo durante un período de toxina e depurámolo, este non vai eliminar a toxina do seu interior xa que ao non estar no seu medio natural, o bivalvo non se alimenta polo que non vai poder eliminar a toxina. Trátase dun ciclo natural, que non ten nada que ver con elementos contaminantes, e a única solución é esperar a que os niveis volvan á normalidade.
En Galicia, o Instituto Tecnolóxico do Mar ( Intecmar) é o encargado da análise e control de toxinas mariñas nas nosas costas polo que diariamente recollen e analizan mostras de auga e mexillón (é o molusco máis voraz, filtra ata 168 litros de auga ao día, polo que mostra se se está empezando a producir un período de marea tóxica) e xestiona a apertura ou peche das zonas de produción.
O pasado venres, o Intecmar informou as confrarías de Lourizán, Raxó e Pontevedra da remisión do período de toxina e a apertura dos bancos marisqueiros, polo que tras case un mes de inactividade o marisqueo a pé puido volver á súa actividade.
A continuación deixámosvos o documental «Mareas Vermellas» de Bioimaxe, no que se explica o fenómeno das mareas vermellas, a súa diferenza cunha marea tóxica e as implicacións que esta ten para o sector acuícola e marisqueiro.